martes, 8 de mayo de 2012

O Feudalismo do século XXI.

Ficamos xa á beira dunha auténtica masacre social, todo o que o Reino puido avanzar para achegarse ás potencias punteiras a nivel mundial vai por terra.

O estandarte do liberalismo económico acinca xa de xeito afouto e cada vez máis desatado. Comezan a darse os primeiros pasos, tímidos máis paulatinos, para a privatización dos servicios sociais básicos nunha democracia contemporánea. O máis que temido (re)copago xa agroma nun terreo político fértil para erguerse de xeito tan veloz e danino coma os eucalitos no ecosistema propio do país. O feito de enfermar será unha condenación que non se daba dende fai dúas xeracións, non só agora terá receitas quen as poida pagar (e estou máis que convencido de que en breves tamén atención), senón que ca desregularización laboral, (chamálo flexibilización é un absurdo polo que non vou pasar) o teu posto de traballo correrá un inminente perigo, e xa non digamos se es un doente crónico. Isto non só acaba acó, co xa comunicado á UE plan da reforma educativa por parte do Goberno de Madrid, o cal consiste na suba das taxas e a limitación das bolsas nun claro avance cara a súa supresión, farán que tamén só aquel a quen llo poidan pagar estudará, aínda que o cinismo neocon teime por seguir mentando á Universidade como "pública".

Esta corrente ideolóxica veulle como anel (de ouro e diamantes) ó dedo ó conservadurismo. Esta ideoloxía propia da incapacidade de vivir en sociedade, alimentada polo egoísmo e a premisa do "tanto tes, tanto vales" conxúgase perfectamente cos arraigos feudalistas conservadores. Mentres se abandona aquelo que é prescindíbel, que é nada máis nin nada menos que o cidadán cada vez máis pobre, posto que o que non ten non supón unha ameaza, outórgaselle poder ás grandes institucións como multinacionais e a banca que a través do fraude e a extorsión puxeron en xaque á sociedade.

Avanzamos cara unha sociedade na que as novas xeracións cada vez terán que prescindir da educación para sumirse ante os grandes empresarios acreedores de capital e liquidez, suministrada por unha banca que se nutre ampliamente do diñeiro público. Mocidade que ateigará sectores carentes de planificación a longo prazo e valor estratéxico, que non tratan de fomentar o crecemento senón o enriquecemento especulativo. Xeracións que se verán na obriga de traballar sen protección algunha, sexa enfermos, extenuados ou famentos, é dicir, explotados, amoreados en vivendas das que xamáis serán donos.

Xa de paso, coa excusa da austeridade, e de que o capital é o que manda, voltamos ó anhelo conquistador e imperialista do Reino, co desmantelamento do Estado das Autonomías e das fracas concesións soberanistas ás nacións periféricas que o compoñen, ven axudados polas premisas difamatorias, criminilizadoras e audotrinadoras do ultracentrismo estatalista emerxente, propio de UPyD, C's e asociacións como Galicia Bilingüe.

Camiños pois cara un xacobino estado centralista e policial, un feudalismo moderno no que agora xa non se alaba a Deus nin se ascende na escala social pola súa graza, agora o ente omnipotente, omnisapiente e todopoderoso é o Capital, o cal venera a arrogante e capciosa dereita, que busca a súa liberdade para compra-la túa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Abro paraugas